Os Nosos Valores non son os do Bar Vitelli

Os Nosos Valores non son os do Bar Vitelli

No vertixinoso mundo do fútbol moderno, onde os egos a miúdo rivalizan cos logros deportivos, a hibris, ou o exceso de orgullo e arrogancia, pode ter consecuencias desastrosas. Esta característica, que na antiga Grecia considerábase unha afronta contra os deuses, exténdese ao ámbito deportivo para manifestarse como unha mestura tóxica de poder e desdén polas normas establecidas.

A palabra hibris é un termo que precisamente reflicte a falta de respecto cara aos demais e cara aos límites que deberían rexer as nosas accións. Maniféstase cando a confianza e a autoimportancia dunha persoa exceden con fartura o razoable, levándoa a sobreestimar as súas habilidades, coñecementos e probabilidade de éxito.

Atopamos un exemplo este fin de semana pasado e na figura do director xeral do noso club, que leva unha traxectoria marcada por decisións impulsivas e desconsideradas dende que “gañou” o posto tecendo contactos. Este individuo, apoiado por un Máster mercado e rodeado de aduladores e trepadores, está a convertir a súa xestión nun novo circo de tramas, egos e ambicións desmedidas.

Tal é a súa soberbia, que casi recién saído da escola, en lugar de escoitar a aqueles que tentaron guialo con sabedoría e experiencia, rexeitou calquera consello como ataque á súa “grandísima”, estreita e novata sapiencia. Aquelas persoas foron despedidas, motivando aínda máis á tribu de compangueiros; para os demais era unha clara mensaxe das consecuencias que poderían enfrontar por levarlle á contra.

O punto álxido do seu hibris revélase durante o partido deste fin de semana pasado contra o Fuenlabrada, cando, en lugar de manter a compostura e enfrontar as decisións arbitrais con sensatez, decide irromper no túnel de vestiarios no descanso para coaccionar ao corpo arbitral. Esta acción imprudente e desafiante só reflicte que o posto e o club quédalle moi grande, e non, non está por riba das normas e protocolos establecidos neste deporte.

Non só manchou o escudo e arriscou a que multen ao club que debería de estar a representar, senón que tamén socava o liderado do mesmo dando mal exemplo e brincando por riba do presidente. 

O comportamento impulsivo de Massimo Adalberto Benassi no túnel de vestiarios durante o descanso do partido envía unha mensaxe clara aos traballadores do club, xogadores e afeccionados: que o respecto polas normas e a autoridade non é unha prioridade, e que a impulsividade e o desprezo polas regras son aceptables a condición de que un teña suficiente poder ou influencia. Non sei eu se o maior accionista estará moi de acordo con que os seus directivos armen perrenchas públicas. 

O acontecido o domingo socava a integridade e o espírito deportivo do club, erosionando a confianza e o respecto cara á institución que debería representar. En lugar de ser un exemplo de liderado e profesionalismo, o director xeral convértese nunha fonte de vergoña e descontento para quen segue ao equipo.

E agora imaxinade se no seguinte partido da casa se lle ocorre a un deportivista invadir o campo para amablemente mostrarlle ao colexiado os seus erros da primeira parte. Que diferenza hai co que fixo o Director Xeral? Nin tiña acreditación nin autorización para baixar ao tunel. Tivo que ser identificado pola Policía Nacional. En canto á pregunta sobre as consecuencias para ámbolos dous casos, cámbiache ben o conto. É probable que o afeccionado que invada o campo enfronte consecuencias legais e disciplinarias máis severas, que poderían incluír multas de grandes cantidades, prohibicións de asistir a eventos deportivos e, en casos extremos, cargos criminais por comportamento violento ou disruptivo. Terá as mesmas consecuencias o director xeral co agravante de que debería ser o primeiro en poner exemplo? A súa influencia, máis ben a de ABANCA, pode mitigar as repercusións do seu comportamento irresponsable, un afeccionado non tería ese mesmo privilexio e enfrontaría as consecuencias das súas accións de maneira máis directa e contundente.

Ao Señor Benassi estaría ben lembrarlle que A Nosa Casa non é o Bar Vitelli e que “se algo nos ensinou a historia…” é que os que actúan como canallas poden fácilmente perder a cadeira. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.